Desde Afiprodel queremos xuntarnos aos agradecementos que outras asociacións como Aprodel Castela La Mancha están realizando para cos profesionais do sector público, entidades do terceiro sector e entidades privadas que están loitando nestes momentos tan críticos por gañar a guerra a un virus e que as batallas deixen o menor número de baixas posible.
Vai o noso recoñecemento ao persoal sanitario e de seguridade e emerxencia, que están na primeira liña, e tamén ao persoal dos servizos sociais, da ensinanza, da limpeza e atención a dependentes, da atención a mulleres maltratadas, da recollida de lixo, do sector da informática e de telecomunicacións, da produción, venta e reparto de alimentos e outros produtos, das farmacias, do transporte e tantos outros que están expoñendo a súa seguridade e saúde polo ben común.
Os servizos públicos están amosando a súa capacidade, esforzo e solidariedade visibilizando a necesidade de apostar, defender e apoialos en Galicia e en España. Nestes momentos debemos ser conscientes de que un Estado e Comunidade son máis fortes canto mellores e máis dotados estean os servizos públicos que serven á cidadanía.
Queremos tamén facer un recoñecemento aos profesionais do ámbito local e nomeadamente aos do emprego e desenvolvemento local. Os servizos municipais, coas alcaldías e concellerías ao fronte, están a facer unha labor excepcional amosando as capacidades de resiliencia e adaptación á situación de emerxencia, xuntando esforzos coa participación dunha sociedade civil máis organizada, responsable e sempre solidaria.
Os profesionais de emprego e desenvolvemento local están no ámbito máis achegado á cidadanía, comparten as súas inquedanzas e axudan a superar este estado de emerxencia que esperamos remate o máis axiña posible. Nesta situación de alarma e incerteza, estes profesionais procesan e resumen as múltiples novidades normativas, tramitan expedientes, reformulan accións formativas para ofrecer teleformación e participan na busca de solucións dentro das administracións locais, que están a desenvolver un traballo excepcional de apoio á súa cidadanía.
Cun labor menos visible pero tamén moi útil, informan sobre as medidas e tramites a realizar para apoiar ao tecido empresarial, ao persoal traballador e desempregado e á cidadanía.
Cando chegue ese día despois que tanto desexamos, os profesionais de emprego e desenvolvemento local continuarán aquí para axudar a recompoñer e reforzar o tecido empresarial, as actividades económicas locais, as iniciativas emprendedoras e tamén para promover actuacións público-privadas que contribúan a recuperar a economía e a sociedade.