I Certame de microrelatos “ARR3QUENTANDO A CULTURA”

Hai historias que caben nunha páxina.
E outras que caben en apenas unhas liñas, pero permanecen na memoria durante moito tempo.
Desde AFIPRODEL Galicia convidámoste a participar no I Certame de Microrrelatos «Arr3quentando a Cultura», unha iniciativa que busca dar voz ao patrimonio cultural galego e ás historias que nacen arredor da economía circular, da memoria, dos oficios, dos saberes e das pequenas accións que manteñen viva a nosa identidade.
O reto é sinxelo: escribir un microrrelato en galego, de ata 150 palabras, que comece coas palabras «Eu son».
Hai categorías infantil, xuvenil e de persoas adultas, e os relatos seleccionados formarán parte dunha publicación dixital do proxecto, ademais de optar aos premios establecidos nas bases.

Prazo de presentación: ata o 10 de outubro de 2026.

Quizais a próxima historia que emocione a alguén poida escribirse en menos de 150 palabras.

E pode ser a túa.


BASES do CERTAME

A Asociación Finisterrae de Profesionais do Desenvolvemento Local de Galicia organiza este certame de microrrelatos dentro da iniciativa Arr3quentando a Cultura apoiada pola Deputación da Coruña a través do Programa F0203/2026, destinado a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais no 2026.

Arr3quentando a Cultura é un proxecto enfocado a recuperar, visibilizar e valorizar o patrimonio cultural inmaterial galego, explorando a súa conexión cos principios da economía circular. Pon en valor pequenas iniciativas do rural que manteñen viva unha cultura do coidado, do aforro e do aproveitamento. Ademais, fomenta a aprendizaxe interxeracional no marco do fortalecemento da identidade local e dos vínculos comunitarios.

  1. Quen pode participar?
    1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, dentro das categorías establecidas na base 5ª.
    2. As persoas menores de idade deberán acompañar o microrrelato dunha autorización do pai, da nai ou da persoa titora legal.
  2. Que tipo de textos se poden presentar?
    1. Os relatos deberán estar escritos en lingua galega.
    2. Deben ser de autoría orixinal da persoa participante que os presenta.
    3. O tema debe versar sobre o patrimonio cultural (material e inmaterial) de Galicia relacionado coa economía circular e acorde coa definición do proxecto Arr3quentando a Cultura.
    4. Cada participante pode presentar un máximo de cinco microrrelatos.
    5. As obras terán unha extensión máxima de 150 palabras (co título incluído).
    6. O microrrelato debe estar escrito en Arial 12, con interlineado 1,5.
    7. O microrrelato debe empezar con “Eu son”.
  3. Como e onde se presentan os microrrelatos?
    1. Os microrrelatos enviaranse a afiprodel.org@gmail.com. No corpo da mensaxe do correo electrónico deberá indicarse a categoría á que optan, o nome e apelidos da persoa que presenta o traballo, e deberá facilitarse un teléfono de contacto. Se é o caso, poderase engadir un pseudónimo, de cara a identificar a autoría nas accións de comunicación e difusión.
    2. O microrrelato enviarase en PDF adxunto e neste documento deberá figurar o título e o texto. Non incluirá os datos de autoría.
    3. Quedarán eliminados os traballos sen identificación ou con identificación incompleta.
    4. A organización resérvase o dereito de non admitir a concurso os textos que, entre outras cousas, atenten contra o dereito á intimidade, a honra e a propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outro que atenten contra a dignidade.
  4. Cando se deben presentar?

O prazo de presentación estará aberto desde o 01/08/2026 e rematará o 10/10/2026.

  1. Que categorías hai?
    1. Infantil: ata os 11 anos (con data de referencia o 01/08/2026).
    2. Xuvenil: con idade comprendida entre os 12 e os 17 anos (con data de referencia o 01/08/2026).
    3. Persoas adultas: con idade igual ou superior aos 18 anos (con data de referencia o 01/08/2026).
  2. Que premios ou recoñecementos hai?
    1. Premio e recoñecemento ao mellor traballo na categoría infantil: un libro infantil con temática relacionada coa economía circular.
    2. Premio e recoñecemento ao mellor traballo na categoría xuvenil: un libro xuvenil con temática relacionada coa economía circular.
    3. Premio e recoñecemento ao mellor traballo na categoría de persoas adultas: un libro con temática relacionada coa economía circular.
    4. Os cinco mellores traballos en cada categoría recibirán un diploma acreditativo. Ademais, as persoas autoras serán convidadas a ler o seu microrrelato nun acto público.
    5. Os traballos admitidos no certame serán publicados nun libro dixital do proxecto.
  3. Quen estará no xurado?
    1. O xurado estará integrado por cinco persoas dos ámbitos do desenvolvemento local, da formación e da cultura.
    2. O xurado terá facultades plenas para decidir as persoas gañadoras e a súa decisión será inapelable. Poderá declarar deserto algún dos premios se así o considera.
    3. O xurado eliminará calquera relato que non sexa orixinal ou que detecte que foi elaborado, total ou parcialmente, con algún sistema de intelixencia artificial.
  4. Como se pode coñecer o resultado do certame?
    1. A decisión do xurado darase a coñecer a través da páxina da entidade convocante (www.afiprodel.org) e nas súas redes sociais.
    2. Afiprodel fará entrega dos premios nun acto presencial. As persoas premiadas deberán facilitar previamente unha copia do seu DNI para verificar os datos.
  5. Publicación
    1. A organización do certame publicará os microrrelatos seleccionados na súa páxina web durante dous anos dende a concesión do premio.
    2. Coa participación no certame, as persoas concursantes autorizan á organización, sen contraprestación ningunha e de maneira expresa, a reproducir (total ou parcialmente), comunicar publicamente (total ou parcialmente) e distribuír (total ou parcialmente) os seus microrrelatos en calquera forma ou soporte, para todo o mundo durante dous anos. A organización respectará, en todo caso, os dereitos morais que as persoas participantes posúan sobre as súas obras.
    3. Deseñarase un cartel cos relatos gañadores para difundir nas bibliotecas municipais a través dos departamentos de Desenvolvemento Local.
  6. Tratamento de datos persoais

En cumprimento do previsto na Lei Orgánica 3/2018, e na normativa europea, os datos das persoas participantes serán incorporados a un ficheiro responsabilidade de Afiprodel coa única finalidade de xestionar os premios desta promoción e de contactar coas persoas gañadoras. As persoas participantes poderán exercer os seus dereito de acceso, rectificación, oposición e cancelación mediante escrito ao correo electrónico afiprodel.org@gmail.com. Afiprodel comprométese a tratar en todo momento os seus datos de carácter persoal de forma absolutamente confidencial e de acordo coas finalidades previstas nas presentes bases.

  1. Observacións
    1. A organización do certame ten capacidade de decidir sobre a interpretación das bases en última instancia ou sobre a súa modificación no caso de erro, sendo a súa decisión inapelable.
    2. O feito de participar neste certame implica a total aceptación das súas bases.