O Pacto territorial de emprego Costa da Morte está integrado polos 19 concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira, Fisterra, Muros e Xallas, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, e as organizacións empresariais e sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma.
Un dos obxectivos do PTE Costa da Morte (regulado polo decreto 98/2008) é o deseño dun plan de emprego no que se incardinarán todas as accións que se leven a cabo no seu marco xeográfico. Para a súa elaboración preténdese a participación e involucración de tódolos actores, de xeito que este plan xurda desde o diálogo e a concertación.
Os primeiros pasos antes da elaboración do Plan de emprego son a realización dun diagnóstico sobre a situación sociolaboral do territorio e a análise DAFO.
Na confección da análise DAFO, colaborou persoal técnico, designado polo Comité de dirección do Pacto, e a Comisión técnica do mesmo. Unha vez elaborado, o Comité de dirección aprobou por consenso o documento o 10 de marzo de 2009.