A propósito do GDR

Evaristo, un dos socios de Afiprodel preparou un interesante documento acerca dos plantexamentos do GDR e de desenvolvemento local que a continuación publicamos.

«A raíz da petición que lle fixo unha empresa de «consulting» ós axentes  de emprego da Costa da Morte para que lles amosaran os proxectos para facer  (dentro das liñas de actuación que  marca a Unión Europea) que esta terra nosa non siga perdendo poboación, terras de labor, empresas, etc. Pensei que había que facer unha vez máis un  «Canto al Sol» amosando ó meu pobre entender algúns problemas  do noso agro e do noso monte. Eu son un aldeán, que de pequeno traballou as terras, que momentaneamente ten un traballo de «oficina» e que se sinte impotente para modificar o negro futuro da súa aldea.

Despois de que o viran algúns compañeiros meus dixéronme que a «refixera» para poder «colgala en Internet».  Este traballo é o que veredes se seguides lendo.

Antes de empezar, quero que coñezades que a miña condición de «aldeán» ( e non falo do concepto de aldea global); senón do termo despectivo con que chamaban cando eu andaba polas cidades de Coruña, Santiago e Lugo hai vinte anos; e que antes lles chamaron a calquera dos nosos antepasados que saían do rural para a cidade. Sen ter en conta que as aldeas foron unidades de comunidades na maioría das áreas do mundo e ao longo da historia ata despois da revolución industrial e o proceso actual de urbanización. Sendo «da aldea» e polo tanto «pouco instruído», non vos estrañedes de que a puntuación, redacción e o idioma no que me expreso, non sexa todo o «académico» que debería. Pero co galego, como con outras cousas da vida que eran tradicionais e se mantiveron na aldea (aínda que os criticaran); sacouse dela, para que  na cidade, os académicos, «entendidos» etc., lle deran tantas voltas que agora os que falaron galego toda a vida como os seus antepasados no  o saben  falar «correctamente».

Cando falo do «Canto al sol» estou pensando nas ideas e proxectos que van a solucionar os problemas da Costa da Morte, problemas, que practicamente son os mesmos desde tempos da República (mirade as «viñetas» que fixo Castelao no seu tempo criticando dirixentes e «caciques» de Galicia, e podédelo aplicar aquí). Sei que este «proxecto integral de solucións» vaino a facer unha empresa (que non é da nosa zona) en dúas ou tres semanas , empresa que non só fai os da Costa da Morte, senón que no mesmo tempo e datas fai máis en toda Galicia. Desde o punto de vista do aldeán e que según rumores cobra 12000 € /estudio que é o que lle interesará a empresa.

Cando penso que nesta zona nos  levan dicindo que levan investindo fondos europeos do Leader, Proder, e das  súas versións, etc., máis de quince anos para sacala adiante (todos estes anos xestionados por Neria) e constato que os problemas son case seculares e que todo segue igual, e me din que nos próximos 4-5 anos (ata o 2012), con aproximadamente 1/3 dos fondos foron «teoricamente» invertidos nos pasados quince anos, que van amañar estes problemas; non sei se rir ou chorar.

Cando a un programa/ acción/ inversión se lles dá mais importancia e se dedica máis tempo a quen vai a «controlar» o diñeiro que ao que se vai a facer, que problemas solucionar ou que fins acadar, ese programa/acción vai ter unha eiva desde o seu comezo que non a vai a superar. Porque, ¿quen son aquí os beneficiados?  o aldeán pensa «quen parte e reparte….» Pensando no tempo e esforzo que lle dedicaron a «modificar os «xestores» das axudas ( reunións, presións, votacións, etc.) e o tempo que lle dedican a facer os programas para investir os cartos de todos nós para sacar esta terra do atraso; por que todos sabían que había que ter estes proxectos feitos, pois as axudas da comunidade son cíclicas e polo tanto, xestionara quen xestionase había que ter o programa xa feito. ¿En que pensan os dirixentes, no beneficio propio/do partido ou  en sacar a Costa da  Morte adiante?

Dáme a gana de non pagar máis impostos ata saber que parte do euro que paga cada europeo a facenda chega para facer proxectos concretos e reais con viabilidade social, económica, etc., e que parte vai para manter a «burocracia» (políticos, empresas xestoras, empresas de estudios etc.)

Non sigo escribindo máis sobre este tema, por que a miña condición de aldeán pouco instruído estame convencendo de que estamos máis cerca das definicións que lles daba Lamas Carvajal (Frei Marcos da Portela) aos políticos, dirixentes e labregos no «Catecismo do Labrego» (1889) ou Castelao nos tempos da República,  que da idea «preconcibida» que tiña dun dirixente do século XXI ou será como escribiu Lampedusa na súa novela «El gatopardo»: «Algo debe cambiar para que todo sigua igual»

¿Un «Canto al sol»?

Depende dos dirixentes.

Para todo aquel que queira coñecer a realidade do rural da «Costa da Morte» hai que ler todos os estudios que hai sobre o tema,  pero sobre todo hai que vivir nas aldeas, criar alí os fillos, e desenvolver nelas a túa vida, tan só os que fagan eso terán algún «crédito» para falar. Eu xa dixen que nacín, crieime e vivo nunha aldea, pero non lin todos os estudios  (hai moitos) nin teño fillos, (aínda que teño unha vella na casa), polo cal os conceptos/ideas/ solucións son persoais e polo tanto incompletos. Este análise está mais centrado horta e flor e  en concellos do interior da costa como Vimianzo e Zas que  outros costeiros como Carballo ou Camariñas.

ANÁLISE

Desvantaxes máis grandes do agro na Costa da Morte.:


Poboación envellecida;  a xente en idade de traballar emigra para Carballo ou Coruña, invisten fóra da explotación «agropecuaria/forestal». Excepto na vivenda habitual que a seguen mantendo na aldea onde naceron  e que algúns seguen mellorándoa; o resto vai para  centros grandes como Coruña ou Carballo.

Falta de relevo xeracional nas explotacións e descapitalización das mesmas excepto as medianas e grandes ganderías (50 ou máis vacas de leite por explotación).

Desprazamento das inversións ao sector inmobiliario dos ditos centros.

A inversión inmobiliaria nas vilas costeiras é xeralmente de  xente que quere  vir pasar as vacacións, e durante o resto do ano non hai vida. As inversións da xente de aquí é para vivir no piso ou telo alugado todo o ano dan «máis vida». Salvo raras excepcións non invisten no rural para que este sobreviva; pois a compra dunha casa vella e reformala no rural par vir o fin de semana,  a compra dun piso en Vimianzo/Baio/ etc.,  montar un taller de coches en Baio ou os centros comerciais en Cee, Baio etc.; non fan producir as fincas, nin manteñen os montes coidados e limpos de maleza,  e aínda que axudan a fixar poboación, ésta ten as mesmas costumes que a das cidades, (non traballan a terra, nin os montes) e iso eu entendo que non é coidar o medio rural.

A  idea xeral da xente da aldea de que traballar a terra é  a última opción para desenvolverse na vida (traballo escravo, porco, sen horarios, mal pagado etc.) Toda a xente tenta fuxir.

Desequilibrio na oferta de formación e falta da mesma. As escolas de formación profesional da zona (Vimianzo, Zas, Santa Comba, Ponteceso, Cee, Coristanco e Carballo) ofrecen no seu conxunto 26 especialidades de F.P.; a especialidade de «xestión administrativa» repítese en cinco centros e a de administración e finanzas en tres; só na escola de F.P de Fonteboa en Coristanco ofrece a especialidade de explotación agrícolas extensivas  ( e quero falar das intensivas  horto-flor), escola que ademais é privada e ten a fama de ser do «Opus Dei». Contrastade agora a formación que se imparte coas potencialidades e superficie do territorio/ litoral dedicada a actividade agropecuaria, forestal ou pesca.

Cultura individualista, conservadora, cerrada, «pilla» da xente do noso agro, acentuada canto máis avellenta a poboación.

As poucas ganas de traballar da xente  en xeral (parece que o traballo do agro é un traballo moi escravo) a xente prefire ir o paro (cobrando) e ir facendo «chapuzas» temporais antes que traballar de cheo no campo e ter máis ingresos. Hoxe por hoxe non tes xornaleiros que che limpen o monte ou que che axuden a traballar na terra. Hai que pensar en emigrantes pero  que queiran traballar. Estou pensando na xente que traballa os invernadoiros de Andalucía ou as hortas do Maresme en Cataluña.

O minifundismo e o pequeno tamaño (superficie de leiras da propia explotación). Deste punto hai ríos de tinta escritos.


Influencia das malas modas externas (fomentadas ou non pola administración) no xeito de explotalas terras. Exemplos temos  na realización de grandes infraestructuras  para o ensilado (os silos trinchera) hoxe obsoletos; no salto do esterco o xurro sen alternativas; pasouse de cortar o toxo coa fouce traelo para a corte enxugar o gando, sacar e espallar manualmente o esterco con rancaño e forcada co traballo que daba; a ir sentado no tractor coa cuba de xurro facendo un traballo parecido (abonar con esterco); evidentemente o aldeán non quere saber nada mais do toxo nin do esterco; non nos amosaron máquinas para apañar e cargar o toxo, a maioría nunca viu un remolque autoesparcidor de esterco nin nada. Consecuencias  de isto, o monte arde porque non se limpa, porque non se necesita o valume para enxugar as vacas, o complexo arcilo-húmico da terra está cada vez máis deteriorado pola falta de materia orgánica, as plantas non dispoñen dos minerais necesarios nas condicións adecuadas o que nos leva á necesidade de botar mais abono químico na terra para conseguir as mesmas producións, isto,  a súa vez leva a unha maior mineralización das leiras, contaminación de acuíferos, «eutrofización» dos cursos de auga etc. É interesante estudiar os procesos de mineralización do Ejido e das zonas de invernadoiros de Andalucía.

Outro exemplo é o salto dunha producción  «estilo salvaxe» do pino (non plantación en marco, non abono non coidados culturais) tan só cortar cando facía falta ou herdábamos, a un monocultivo irracional do eucalipto (plantación de eucalipto en «labradío» para a súa explotación para papel, sen racionalizar as áreas de plantación nin pensar nunha explotación para serra)


Descoñecemento da administración/universidade/sector de investigación da realidade da agricultura da Costa da Morte e da de Galicia en xeral


Como pode dicir un doutor enxeñeiro agrónomo nacido en Zas, director da escola Politécnica Superior de Lugo (de enxeñeiros agrónomos) que temos as mellores explotacións gandeiras do mundo; é o titular de todo unha entrevista con foto engadida. (hai que ler a Voz de Galicia do 21 de setembro do 2008 na sección Bergantiños, Soneira, Fisterra)


Vantaxes en hortoflor:


Mellor adaptación das necesidades de superficie para vivir unha familia ó tamaño medio das explotacións


Aproveitamento máis racional dos recursos naturais, se se explota correctamente. A pequena superficie de terra que tés, explotala máis intensivamente, e necesita moita materia orgánica; non chega abonar con xurro, hai que facelo con esterco o que implica máis consumo de toxo, polo que se fará máis limpeza de monte.. Tamén se pode facer un mellor aproveitamento de residuos para o compostaxe.

Mais capacidade de fixación da poboación no rural; necesitan menos superficie de «labradío» para vivir unha familia.

Menos problemas de contaminación, non hai tanto problema de cheiro de xurro o esterco  non é tan volátil como o xurro e ademais está mais fermentado polo que non cheira tanto.

O concepto de que o verde non se pode contaminar tanto como os productos animais, polo que é mais saudable para o corpo. Esto é sempre unha vantaxe para o mercado.

Menos competencia exterior os productos de horta frescos non aguantan tanto tempo almacenadas ou de transporte como o leite en brik e derivados ou a carne conxelada envasada  etc.; máis vantaxe no endocomercio e en distancias cortas, pois con 2º e 3º transformacións (máis valor engadido) non podemos competir con Navarra ou  Andalucía que ten «controladas» as canles comerciais.

Aínda que se di que a horta non ten competencia no mercado, eu creo que como é un mercado minoritario está baseado no escurantismo (falta de lonxas) e cando cheguemos a unha producción axeitadas  teremos que falar de cotas de producción, de precontratos, etc.


Inconvenientes en horto-flor


Falta de adecuación de infraestructuras (almacéns, cuadras, etc.) maquinaria (grandes tractores, arados remolques cisternas, etc.) experiencia/formación das explotacións actuais da Costa da morte para a explotación hortícola. Posiblemente cada un dos que queira transformar a explotación en horta teña tractor, remolque, «fresadora», arado, etc. propio, pero non creo que entre todos teñan unha acaballonadora ou maquina de poñer o plástico negro enriba da terra ou teñan unha sulfatadora accionada por motor.

A necesidade de inversión previa é moi alta, pero é mais barata que unha explotación de vacún. Hai que pensar que unha explotación agraria a inversión engánchate de por vida, e que  é unha empresa que tes que pensar para os fillos. Non é un bar, que cerras  un mes, amañas o local e abres unha tenda o mes seguinte. Para unha explotación  media de cultivo baixo plástico necesitas 5000 m2 , a inversión necesaria para estructura, plástico, rego, malla de sombreo, etc., anda entre 15 e 17 €/ m2 o que leva  85000 € e para sementes,  laboreo, etc. un 30 % máis acadando uns  111.000 €. Aínda que para as explotacións o aire libre estes custos redúcense bastante pero tamén  a producción e menor  e menos «controlable».

En comparación con unha explotación de gando vacún, pensando que  unha vaca media/ boa anda polos 2500 €/animal. A inversión da horta  antedita, daría para comprar unhas 45 vacas e cunha media de 3 vacas/ha (u.g.m./ha) necesitas polo menos 15 ha de «labradío», cando para hortas chega media ha. A todo esto hai que engadirlle a cuadra, sala de muxido, maquinaria etc., pensa no dobre ou triple de inversión. A inversión en horta é máis pequena, que en gandería, as ganancias tamén o son. Pero é unha inversión menos arriscada (menos diñeiro) e é explotación máis «versátil».

A alta competencia portuguesa que ten explotacións máis grandes e mellor estructuradas que as nosas sobre todo en producción de leituga.


Falta dun mercado transparente na zona. (Unha lonxa ou algo parecido) Aquí cada productor vende os seus clientes sen que se coñezan prezos etc., a súa vez, os «rematantes» compran en MercaCoruña etc., e véndenos ao ó consumidor final como se foran productos da zona.

En toda Galicia creo que  hai unha única lonxa de horta na zona de Baixo Miño (que podiamos tomar como exemplo) aínda que as explotacións hortícolas do Salnés, Rosal, etc. estean transformándose en explotacións vitivinícolas. A maioría dos «horteláns»da zona levan a súa producción a Carballo vendéndolla  a Cooperativa Río Anllóns ou a Coreber, as dúas únicas cooperativas que traballa con horta na Costa da Morte, ou ben lle venden os productos aos pequenos comerciantes da zona.

No caso da flor creo que unha empresa ten o punto de recollida en Baio pero non estou seguro.

DINAMIZACIÓN DO SECTOR AGRARIO E FORESTAL


En calquera medida, proxecto, etc., tendes que evitar os localismos moi fomentado polos políticos, pero como son eles os que pagan ou contratan véxoo moi difícil.

Para a potenciación da horto-flor na zona hai que facer:

Formación, ter algunha titulación de FP na zona de horto-flor-froita para que os mozos coñezan que é e de que vai o sector. Cursos de formación teórico-práctico para traballadores a horas que estes poidan acudir; subsidiariamente daranse cursos a parados (a maioría van por abriga a os cursos e nos aproveitan). Para impartir estas  ensinanzas, necesítase terra, e esta terra tamén se podía aproveitar como campos de ensaio.

Facer a política agraria que facía o IRIDA  nas décadas dos 40 a os 70

Agora as extensións agrarias son meros tramitadores de subvencións.

Localizar nas  parroquias o unas zonas os «líderes» (xente dinámica e aberta que queira investir na horto-flor), axudarlle o máximo esas explotacións (serían explotacións referencia) e os demais xa as seguiran .

Xa sei que esta medida no é moi social pero a estas alturas as medias tintas e o café con leite para todos non vale.

Potenciade unha lonxa  horto-flor-froita para que os productores da zona poidan vender os seus productos. Este local podería   ser «multifuncional»; tres días alternos a semana serviría como punto de recollida das cooperativas e/ou empresas horto-frutícolas da zona, dous días alternos como punto de recollida  das cooperativas e empresas de flor, un día como lonxa para as que as empresas compraran grandes lotes e outro para «mercadillo» para os que queiran vender directamente ao consumidor.

Non  sei estas ideas se adaptan ás liñas de actuación que a empresa me manda seguir ou non, polo que vou tentar de matízalos para ese «adecuamento».

Innovación/novas técnicas de producción.

O cultivo horta-flor na Costa da Morte está sen desenvolver, e se se puideran tomar como novas técnicas de cultivo a nivel de zona, ben; se o que se pretende  son técnicas de innovación a nivel de Galicia ou España, coas inversións das que vos falei antes, non hai ningún «empresario agrícola da Costa da Morte» que se arrisque tanto; outra cousa é que aluguedes/compredes fincas e experimentedes novas producións, variedades e técnicas como fai o CIAM (MABEGONDO) para tema de forraxes ou o centro de experimentación agraria do Baixo Miño (Salceda de Caselas) para o tema de horta, pero en pequena escala e para a Costa da Morte. Serviría ademais como finca de prácticas das rama de FP que falei antes.

Recuperación de variedades autóctonas ou tradicionais.

Que eu coñeza , aquí non hai variedades autóctonas  en horta salvo unha de cebola; en froita non sei, hai que preguntar no banco de xenoma do CIAM.

Hai unha perda xeral de variedades tradicionais de horta e froita ao pasar dun réxime «autártico» da post-guerra  e dos anos 50 aos 70 a un monocultivo de leite e carne e forraxes. No caso das froiteiras, para poder explotar variedades tradicionais, habería que ir o banco de xenoma, ver as que había aquí ou tradicionais de Galicia, ver mercado, readaptación o clima (eu teño froiteiras,  nos últimos anos «machácamos» as pragas e non saco nada en limpo, excepto cos kiwis; pero estes non se poden comparar os de Nova Zelanda ou Rosal pois son menos doces. Xa  hai malas herbas primaverais que agora chegan vivas ata o empezo do inverno.).Unha vez escollidas seleccionar aquelas que demande o mercado (autóctonas, tradicionais, ou non )e potenciar aquelas variedades que sexan mais «rentables» economicamente e con viabilidade para o futuro. Hai que contar con que  a vida útil dun maceira está entre 20 e 25 anos e nos primeiro catro ou cinco anos non produce mazás)

TICs

Sempre se pode vencellar as explotacións os TIC, con webs, e mercados «on line», pero tamén con comunicación directa cos centros fitopatolóxicos para a detección a tempo de pragas e enfermidades etc., cos centros metereolóxicos para a  anticiparse as xeadas, néboas, etc.

Froita

Na reunión que se fixo coa empresa xurdiu o tema de froita como alternativa as plantacións forestais  para manter máis limpo o monte, que daban mais ganancia etc., pero non se aclarou se  plantación de froita era en «labradío» ou en monte. Aínda que a «forestación» de terras agrarias está prohibida, a xente síguea facendo e a administración mira para outro lado salvo que haxa algunha denuncia  que entonces é cando actúa. A plantación de froiteiras no «labradío» non está prohibido.

Análise

Eu ofrécevos o meu o meu punto de vista persoal sobre o asunto. Os «pros» e os «contras» das explotacións de froita; poderían ser os mesmos que para horta-flor, pero con estas puntualizacións:

A falta de formación, infraestructura e maquinaria é moito mais grande que en horta. A maioría da xente poda unha pereira como unha maceira e aínda os que saben mais podan nunha variedade de maza temperá como unha tardía, xa non falemos de desinfectar a podadora entre froital e froital, ou facer un enxerto de chapa a «ollo velando».

Non hai nin tradición nin explotacións na zona das que tomar referencia. Que eu coñeza, había unha explotación de mazás «golden» hai oito anos en Muxía, neste momento non sei si existe; mais tarde, hai 5 anos, plantáronse  pola zona de Cee e Fisterra algunha pequena leira de mazás pero sempre como «hobby» ou como unha producción complementaria; agora non sei como está ese mundo.

Nestes últimos catro anos, veu unha empresa, creo que asturiana, pois o técnico que daba as charlas sí o era, a falar das vantaxes da plantación de maceira sobre todo de sidra, (arbores rústicos, con moi pouca necesidade coidados etc.). Si se vai a ese tipo de explotación,  hai que ter en conta que a transformación, marca e canles de distribución están es Asturias.

Vamos ser productores doutro producto para que o transformen e vendan outros. Exemplos temos no leite, que as nosas empresas non transforman nin o 20 % do que producimos, na carne de xato, agora non sei, pero antes ían para os cebadeiros de Cataluña  no que se cebaban con cereais e palla de Castilla e despois os cataláns vendían a carne a toda España, incluído a nós, ou no eucalipto que producimos a pasta de papel tendo que comer os taninos e os velenos e o papel faino Cataluña. Cito estes productos por ser os mais relevantes no PIB agrario galego, pero hai mais.

A idea dos frutais para o meu entender sería como un complemento as explotacións agrícola ou gandeiro ou incluso das casas de turismo rural ( o turista vai comer unha mazá  que recolle él dunha arbore que el ve). Pero non se pode apostar pola producción de mazan de sidra, por moi rústica ou por moi poucos coidados que necesite; non é un producto gañador , vai ter sempre  a eiva da que a transformación e comercialización estará controlada empresas alleas a nos, e coas que non podemos competir. Aquí o que fai falta, si se quere apostar por esta producción un estudio de variedades autóctonas/ tradicionais/ou non de froita de mesa con calidades diferenciadas e con saída comercial, que os productores puideran  «controlar o máximo posible a canle de comercialización», con algún tipo de protección/ denominación «producto da terra» denominación de orixe. etc. (Estou pensando no exemplo de Betanzos que sendo unha zona típica de horta ten o viño con denominación «viño da terra» e agora está empezando co lúpulo.)

Aumento do valor económico do monte


Para aumentar o valor económico dos montes hai que:

Agrupar os terreos. Habería que facer  unha «concentración de montes obrigatoria» Pero si o conselleiro de agricultura non quixo cando  a vaga de lumes queimou estes concellos; cando e era o mais fácil e barata  de facer que nunca ( monte raso sen ningún pino pois o lume queimounos todos e tíñanse que cortar, sen problemas para atopar os marcos e os lindes, pois o lume limpara todo, e sen problemas para o acceso de maquinaria pois estaba todo arrasado). Esta medida pedíalla o Alcalde de Vimianzo o Conselleiro  estando eu presente para os montes queimadas. Non se vai a facer nunca; aínda que agora vendan a subvención  da uxfor, etc. creo que, nunca van a atacar a raíz do problema do minifundismo dos montes privados fronte o latifundismo dos «montes comúns», do estado etc.; problema que só ten Galicia en toda España.

Formar en silvicultura (especies tratamentos abonado poda etc.) Facerlle ver ao propietario que a inversión no monte vai a ser mais rendible, aínda que a veces non para él persoalmente, pero sí para o seu entorno,  que pode ter moito mais valor engadido se  corta as arbores nas quendas que lle recomendan os técnicos (non os técnicos das empresas privadas, os da xunta, aínda que si son como J. Bueno do que vos falei antes e mellor estar quieto. Podendo ter un eucalipto para serra como o vas a cortar para papel.

Aplicarlle todas as complementariedades que se podan, turismo, cinexética, biomasa, cogomelos, biomasa etc. (pero sen deixar de pensar que o fin éa producción de madeira)

Aumento do valor engadido dos productos agrarios e forestais

O aumento do valor engadido de  productos agrarios e forestais está nas 2º e 3º transformacións. Non hai ningunha queixería tradicional, as queixerías que coñezo neste territorio son industriais;  a da Cooperativa Feiraco en Negreira e a de os «Hermanos Pérez» en Dumbría.

En carne están os distintos matadoiros que despezan a carne e todo máis que fan son  «criollos» e a empresa de  «Embutidos Domínguez» no Xisto, Baiñas (Vimianzo) que se dedica practicamente a chourizos.

En madeira non hai outra transformación que a conversión en tablón ou astilla.

Cooperación para desenvolver novos productos

O desenvolvemento da mentalidade de cooperación de compartimento de maquinaria, de coñecementos e experiencias é o eiva máis grande e mais infranqueable que eu encontro para que o agro da Costa da Morte vaia adiante, polo que calquera acción de concienciación de cooperativismo será boa.

Todos estes datos e ideas coméntenos cos axentes de extensión agraria de Baio e Corcubión, para concellos costeiros ou pegados a Costa como Vimianzo e co axente de extensión de Santa Comba para ver a realidade de concellos de mais do interior como Mazaricos. O Distrito V leva todo o tema forestal da Costa da Morte polo que eles saberán mais ca min destas cousas.


MELLORA MEDIOAMBIENTAL DO CONTORNO RURAL

Investimentos non productivos en explotacións agrarias


Creación de un punto de recollida de residuos de explotación (plásticos de silos, recipientes de medicinas, de fitosanitarios, etc.) Aínda que no parque empresarial de Vimianzo temos un «punto limpo» (que vai a funcionar proximamente) para a recollida de refugallo e lixo. Segundo o proxecto de realización do mesmo, éste non admitirá os recipientes de menciñas e fitosanitarios, e aínda que son os comerciantes os que están obrigados a recollelos, a maioría das persoa non llos devolven, senón que os tratan como un lixo mais.


«Implementación» económica, e despois obrigatoriedade de  aplicar o «código de boas prácticas agraria o uso xurro» para nunha segunda fase obrigar a enterralo mediante «minisurcos» . Xa hai maquinaria para esto en Europa.


Implantar  proxectos de transformación de residuos de depuradora en compost aproveitable para  abonado das terras. En Vimianzo vaise a poñer unha depuradora de capacidade media e que vai a xerar moitos residuos secos e hai maneira de transformalos en composto (abono orgánico) mediante distintas técnicas.


Loitar contra o «feismo» das explotacións, facendo cumprir a lei nas de  nova construcción obriga  a pintalas. Subvencionar pintura ou cubrir con hedras as vellas que non ten esa obriga, para nunha segunda fase obrigarlles a pintar,

Investimentos non productivos en espazos forestais


Limpar todas as «escombreiras» e puntos de vertido incontrolado que hai no monte (xeralmente son terras públicos ou do concello) e plantar neles árbores nobres mellorados. Estes vertedoiros son de pequena superficie, entre 500 e 1000 m2 moi espallados en todo o concello. Si se consigue ter árbores nobres con boa producción (madeira /froito) serviría de fonte natural de sementes de destas árbores, sementes  que espallarían os paxaros e animais salvaxes. Se ten moi boa producción, sirve de exemplo e estímulo para o dono dunha finca da zona plante ese tipo de árbores.

Limpeza de cunetas e camiños do monte ciclicamente, estes servirían de sendeiro para paseos (turismo) como cortalumes, e si se amañan algo os camiños son vías de trasporte  de maquinaria apaga lumes.

Investimentos non productivos para a adecuación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural no contorno rural


Limpeza de adecuación de entorno dos ríos e de todo o que ten que ver coa cultura da auga ( muíños, batáns, piscifactorías sendeiros de pescadores)

Sinalización  con carteis en color de todas as especies animais e vexetais que se poden atopar neste entorno así como das «maquinas» accionadas polas correntes de auga.

Discutan esteas ideas co Distrito V e con Augas de Galicia.

DIVERSIFICACIÓN DA ECONOMIA RURAL E MELLORA DA CALIDADE DE VIDA

Diversificación das actividades agrarias cara actividades non agrarias


Xornadas de turismo rural. Que o turista poida ver como se planta, sacha, ou recolle a pataca/ verdura /froita/ etc. que vai comer esa noite, que vexa como se muxe unha vaca,  extraer o mel, facer un enxerto etc.

Prestación de servizos complementarios a hoteis /casas turismo rural. Ter na explotación cabalos para paseo, incluso coche de cabalos, organizar festas/comidas campestres, artesáns (fía, malla, matanza etc.)

Coidar animais/plantas do que vive na cidade e quere telos pero non instalacións nin tempo. O señor da cidade que queira ter un animal/planta propia pero no pode ter no piso da cidade nin coidalo, pode telo nunha explotación e velo cando queira. Apadriñar un animal/planta como fan os cataláns, ou o sistema de Inditex cos cabalos en Arteixo.

Creación, ampliación e modernización/traslado de PEMES en sectores da economía diferentes ao da producción agraria primaria

É básico que se subvenciones as empresas para que se instalen nos polígonos industriais, pero tamén a os polígonos industriais para que estes que sexan competitivos.  ¿Onde esta o enlace directo do parque de Vimianzo coa autovía? ¿Onde está o «gas ciudad»? ¿Por qué parou a canalización en Carballo ou  Arteixo e traen a outra canalización por Ribeira cara Cee e Vimianzo, Zas, Dumbría Camariñas etc. se quedan sen él? ¿Ten o parque de Vimianzo un tendido eléctrico suficiente para que soporte a tensión u a intensidade que necesita unha máquina eléctrica potente? O porto de Brens que sería a nosa saída mais importante o mar ¿para cando está feito e comunicado directamente coa autovía? ¿ Por que na Coruña/Ferrol fan dous portos enormes que tan cerca que se ve un desde o outro  en todo o resto da costa da provincia non se fai ningún? Séguese potenciando o eixe Ferrol-Coruña-Santiago-Vigo. Que non se fale de descentralización, si se fan «parques empresarias» en cada curruncho de Galicia e despois non se dotan dos elementos para facelos competitivos.

Fomento das actividades turísticas.

Como o sector turístico é o mais potenciado nos últimos anos, do que tamén se escribiron ríos de  tinta e tendo unha compañeira de traballo como Rosa especialista na materia, sobran as palabras.

Debíase de facer unha colaboración mais estreita entre os que traballan o agro co sector hostaleiro en xeral; os hostaleiros ofrecerían productos da zona  con unha trazabilidade total, fomentando no turista a idea/gana de visitar a finca onde se produciu que está comendo, como se traballou, etc. Pensade nun souto/ castañas ou nunha colmea e dar un paseo para velos; ou nunha nunca leira de millo ou trigo, onde ademais de vela lle podas explicar a sementeira, malla etc.

Servicios básicos para a economía rural

Unha empresa de servicios «integral» para o agro.

Aínda que se están «externalizando» as labores da terra (arada, grada, sementeira, etc.) de recollida, (ensilado, malla, etc.). Non hai na zona unha empresa de coidado integral da explotación e vivenda; que ti podas marchar unha  semana de vacacións e poidas deixar alguén que se encargue de todo: que muxa as vacas, que atenda o porco e a galiña, que recolla os chícharos si foxe necesario, etc.  Houbo unha tentativa de sindicatos agrarios para ofrecer este tipo de servicios e non sei se callou ou non. A xente nova cando lle falo de explotación o primeiro que di e que tes que estar sempre amarrado a ela e que non ten ningún día libre. Esta empresa require persoal moi versátil, traballador e de confianza.

O mesmo pasa coas casas de turismo rural; en. épocas punta » necesitan  traballadores moi «versátiles» ( cociña, recepción, camas limpeza, etc.)

Renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación e mellora do patrimonio rural

A elaboración dos plans de protección e xestión das zona da rede naturaten que contarcos titulares dos montes  e cos habitantes dos pobos integrados na rede, ou  posiblemente consigan o efecto contrario o que pretenden. correspóndelle aos técnicos que a crearon e a xestionan pero

Mantemento, restauración e mellora do patrimonio natural, incluíndo proxectos de mantemento e recuperación de sistemas silvopastorís en montes veciñais en man común sen finalidade productiva


Sen perder a idea básica de que o monte é para producir madeira, que ningún propietario individual ou colectivo que ter unha propiedade que non lle de ganancia e menos que lle da perdas; e tendo en conta que  desde sempre o monte  tivo vacas/bestas/ovellas, ata que nos anos nas décadas 50 e 60 o ICONA/IRIDA sacaron os animais do monte; así o din os veciños dos pobos, e fixeron as plantacións orientadas a mecanización do sotobosque. Hoxe, salvo excepcións ( algunha besta brava nos montes de Vimianzo), non hai aproveitamentos silvopastorís, nin tampouco masas arbóreas que faciliten un crecemento do sotobosque «comestible» por vacas ou bestas, pois os eucaliptos coas cascas e os alcaloides que desprenden  fan «indixestible» o sotobosque.

Se non se aproveita o sotobosque con vacas rústicas (cachena, caldelá, limiana) ou ovellas (ovella galega) porcos (porco celta)  en soutos e carballeiras)  ou gando equino como vai a ser rentable o monte tendo que limpalo cada dous ou tres anos.

Antes de programas ou aproveitamento silvopastoril hai que parar a plantación de eucaliptos, salvo en zonas moi concretas e moi restrinxidas. Non só penso na empresa «Maceiras y Esmorís S.L.» que se dedica a todo tipo de plantacións e tratamentos silvícolas, senón en NORFOR (filial de ENCE) que está plantando practicamente todos os montes veciñais da parroquia de Baiñas e os do seu caron de eucalipto, está transformando eucaliptais as grandes fincas das parroquias de  Serramo e Treos, eso en Vimianzo, supoño que nos concellos de Dumbría Zas e Mazaricos  fará outro tanto. É interesante o informe de Greenpeace sobre Norfor.

Unha vez parada a praga do eucalipto e non me refiro o Goniterux (gurgullo) que tamén hai que acabar con ela; pensaremos en desenvolvemento de paisaxes de gran valor natural como Os penedos de Traba e Vimianzo, as formacións rochosas a todo o longo da costa de Camariñas ou no Chan das Lagoas entre Dumbría e Vimianzo ( este último podíase amañar se Norfor non colonizara a maior parte de eucalipto e a Xunta non puxera o «super radar» para localizar os petroleiros da costa despois do «Prestige»)

Tamén se pode meter aquí todo o tema de megalitismpo.


Investimentos relativos a restauración, mellora e posta en valor do patrimonio cultural


Hai un patrimonio cultural «Cultura do traballo da terra e da auga» que debido os cambios tan drásticos  e como avanza a agricultura estase perdendo.

Exemplos deste patrimonio de maneiras de traballo son múltiples os máis típicos son:

– O asociacionismo do millo e a faba. A faba é unha leguminosa que fixa nitróxeno do medio e dállo millo, planta de crecemento rápido que necesita moito nitróxeno, e o millo serve de titor a faba.

– Poñer as fabas «Lobas» ( faba con pintas roxas na vaina moi rústica e moi dura ) que se plantaban na parte mais externa das fincas de millo e faba para que os animais non comeran as do interior, que eran  fabas mais finas e comestibles.

– Cando hai que cortar o vimbio para que non quebre o facer os cestos.

-Cales son as mellores aptitudes naturais das fincas dependendo do tipo de producción pois tradicionalmente alí eran mellores.

– Como se «pica a pedra dun muíño» como se repara este.

Unha vez que se teña este coñecemento, creo que si podemos empezar pensar en productos e ecolóxicos reais (non só unha estratexia de mercado). Pois eu non creo que unha fariña sexa moi ecolóxica, si as labores da terra se fixeron con maquinaria a gasóleo e se moio con muíño a gasóleo ou electricidade; en tal caso sería un producto sen adicción de compoñentes químicos no seu proceso de producción e transformación pero moi lonxe de ser ecolóxico.

Formación vinculada a proxectos de investimento material promovidos no marco da estratexia


Cursos de horto-flor, de fructicultura, de explotación forestal, de «restauración integral» (cociña, recepción, paso de ferro, cama, limpeza etc.) de coidado de nenos e de vellos.

Proxectos non productivos de:

Alta   prioridade; liña de microbuses que comuniquen  os principais núcleos e as súas parroquias. Por exemplo: Laxe-Baio-Picota-Dumbría- Vimianzo-Camariñas-Laxe, con unha parada en cada unha das parroquias polas que pasa.

Media prioridade: Museo arqueolóxico ( dolmens, mámoas, etc.) e o centro de interpretación da natureza e da cultura da auga  ( plantas/ animais, muíños, batáns, piscifactorías, saltos, minicentrais,   do centro da natureza). O concello de Vimianzo xa ten o local, faltan as instalacións e os complementos.

Outros procesos non productivos. Ximnasio público en Vimianzo. Vimianzo é   practicamente o centro xeográfico o que pode acceder facilmente os habitantes da Costa da Morte. Actualmente está feito o local faltan todas as instalacións e complementos.

Eventos de Difusión.

Ademais do Museo de artesanía en Vivo no castelo de Vimianzo, de todas as festas de exaltación gastronómicas, podíanse facer concursos e premiar calidade de productos, previa cata por tribunal. (Mellores cebolas/ grelos da Costa da Morte, mellores patacas, O mellor lacón de porco Celta de toda A Coruña / Galicia.) Aquí tamén se podería meter productos hortícolas ecolóxico, mel etc., Empezando só na área xeográfica da Costa da Morte e despois ssegundo vaia evolucionando irnos estendendo. Estes eventos rematarían con compra degustación dos productos, comida, viño e festa.

ANÁLISE

Desvantaxes máis grandes do agro na Costa da Morte.:

Poboación envellecida;

Falta de relevo xeracional nas explotacións e descapitalización das mesmas

Desprazamento das inversións ao sector inmobiliario dos ditos centros.

A  idea xeral da xente da aldea de que traballar a terra é  a última opción para desenvolverse na vida

Desequilibrio na oferta de formación e falta da mesma.

Cultura individualista, conservadora, cerrada, «pilla» da xente do noso agro.

As poucas ganas de traballar da xente  en xeral

O minifundismo e o pequeno tamaño (superficie de leiras da propia explotación).

Influencia das malas modas externas (fomentadas ou non pola administración) no xeito de explotalas terras.

Descoñecemento da administración/universidade/sector de investigación da realidade da agricultura da Costa da Morte e da de Galicia en xeral

Vantaxes en hortoflor:

Mellor adaptación das necesidades de superficie para vivir unha familia ó tamaño medio das explotacións

Aproveitamento máis racional dos recursos naturais, se se explota correctamente.

Mais capacidade de fixación da poboación no rural;

Menos problemas de contaminación

O concepto de que o verde non se pode contaminar tanto como os produtos animais, polo que é mais saudable para o corpo.

Menos competencia exterior.

Inconvenientes en horto-flor

Falta de adecuación de infraestruturas, maquinaria, experiencia e formación

A necesidade de inversión previa é moi alta

A alta competencia portuguesa que ten explotacións máis grandes e mellor estruturadas que as nosas sobre todo en produción de leituga.

Falta dun mercado transparente na zona.

DINAMIZACIÓN DO SECTOR AGRARIO E FORESTAL

Para a potenciación da horto-flor na zona hai que facer:

Formación, ter algunha titulación de FP na zona de horto-flor-froita

Potenciade unha lonxa  horto-flor-froita para que os produtores da zona poidan vender os seus produtos.

Innovación/novas técnicas de produción.

Recuperación de variedades autóctonas ou tradicionais.

TICs

Froita

Análise

Os «pros» e os «contras» das explotacións de froita; poderían ser os mesmos que para horta-flor, pero con estas puntualizacións:

A falta de formación, infraestrutura e maquinaria é moito mais grande que en horta.

Non hai nin tradición nin explotacións na zona das que tomar referencia.

Aumento do valor económico do monte

Agrupar os terreos.

Formar en silvicultura

Aplicarlle todas as complementariedades que se podan,

Aumento do valor engadido dos produtos agrarios e forestais

O aumento do valor engadido de  produtos agrarios e forestais está nas 2º e 3º transformacións.

Cooperación para desenvolver novos produtos

MELLORA MEDIOAMBIENTAL DO CONTORNO RURAL

Investimentos non produtivos en explotacións agrarias

Creación de un punto de recollida de residuos de explotación

«Implementación» económica, e despois obrigatoriedade de  aplicar o «código de boas prácticas agraria o uso xurro» para nunha segunda fase obrigar a enterralo mediante «minisurcos».

Implantar  proxectos de transformación de residuos de depuradora en compost aproveitable para  abonado das terras.

Loitar contra o «feismo» das explotacións,

Investimentos non produtivos en espazos forestais

Limpar todas as «escombreiras» e puntos de vertido incontrolado que hai no monte e plantar neles árbores nobres mellorados.

Limpeza de cunetas e camiños do monte ciclicamente

Investimentos non produtivos para a adecuación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural no contorno rural

Limpeza de adecuación de entorno dos ríos e de todo o que ten que ver coa cultura da auga

Sinalización  con carteis en color de todas as especies animais e vexetais que se poden atopar neste

DIVERSIFICACIÓN DA ECONOMÍA RURAL E MELLORA DA CALIDADE DE VIDA


Diversificación das actividades agrarias cara actividades non agrarias

Xornadas de turismo rural.

Prestación de servizos complementarios a hoteis /casas turismo rural.

Coidar animais/plantas do que vive na cidade e quere telos pero non instalacións nin tempo.

Creación, ampliación e modernización/traslado de PEMES en sectores da economía diferentes ao da produción agraria primaria

subvenciones as empresas para que se instalen nos polígonos industriais, pero tamén a os polígonos industriais para que estes que sexan competitivos

Fomento das actividades turísticas.

colaboración mais estreita entre os que traballan o agro co sector hostaleiro en xeral

Servizos básicos para a economía rural

Unha empresa de servizos «integral» para o agro.

Renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación e mellora do patrimonio rural

Elaboración dos plans de protección e xestión das zona da rede natura contando coscos titulares dos montes  e cos habitantes dos pobos integrados na rede.

Mantemento, restauración e mellora do patrimonio natural, incluíndo proxectos de mantemento e recuperación de sistemas silvopastorís en montes veciñais en man común sen finalidade produtiva

Aproveitar o sotobosque con vacas rústicas (cachena, caldelá, limiana) ou ovellas (ovella galega) porcos (porco celta)  en soutos e carballeiras)  ou gando equino

Parar a praga do eucalipto e non me refiro o Goniterux (gurgullo) que tamén hai que acabar con ela.

Investimentos relativos a restauración, mellora e posta en valor do patrimonio cultural

Hai un patrimonio cultural «Cultura do traballo da terra e da auga» que debido os cambios tan drásticos  e como avanza a agricultura estase perdendo

Formación vinculada a proxectos de investimento material promovidos no marco da estratexia

Cursos de horto-flor, de fruticultura, de explotación forestal, de «restauración integral» (cociña, recepción, paso de ferro, cama, limpeza etc.) de coidado de nenos e de vellos.

Proxectos non produtivos de:

Alta   prioridade; liña de microbuses que comuniquen  os principais núcleos e as súas parroquias.

Media prioridade: Museo arqueolóxico e o centro de interpretación da natureza e da cultura da auga.

Eventos de Difusión.

Outros procesos non produtivos. Ximnasio público en Vimianzo

Coas festas de exaltación gastronómicas, podíanse facer concursos e premiar calidade de produtos da zona, como fan historicamente en Inglaterra

Deja un comentario