PROXECTO «DO MAR Á TERRA, EN VIMIANZO»

ENLACES: www.vimianzo.es LogoDomaraterra

CONCELLO: VIMIANZO (A CORUÑA)

AEDL: ROSA MARÍA SÁNCHEZ MARTÍNEZ

O PROXECTO:  Do mar á terra é un proxecto e que pretende converter á poboación en xeral e ao empresariado da restauración de Vimianzo en particular en plataformas para a posta en valor do sector productivo (extractivo e transformador) do mar da Costa da Morte, dunha maneira sustentable e innovadora, a través do consumo responsable dos froitos mariños capturados na zona e a divulgación das súas características singulares. Desenvolviuse durante os ano 2012 e 2013 e ten vocación de continuidade.
Pon en evidencia a calidade dos froitos do noso Atlántico e a importancia do consumo local e a economía de proximidade, sen esquecer o pracer vinculado á inxesta dos alimentos mariños, o goce da diversidade de receitas e de sabores e o recoñecemento da singularidade produtiva da Costa da Morte.
Non se separa o proxecto do lugar no que se desenvolve, nin das súas xentes. Contémplase salvagardar a memoria colectiva no que atangue aos alimentos propiamente ditos, ás súas técnicas de recolección e/ou cultivo, de conservación e preparación. Pero tamén se pretende ir máis alá e escavar nas entrañas da historia para averiguar como os nosos antepasados preparaban os produtos do mar.
Non se esquece a xeografía e o valor medioambiental da costa de Vimianzo e da riqueza que agocha, especialmente de Cereixo e Sabadelle, vixiados polos Penedos de Pasarela.