Visita da delegación gubernamental de Guinea-Bissau ao Concello de Vimianzo e Afiprodel

A delegación de Guinea-Bissau presidida polo seu ministro de Administración Territorial Sola Naquili e propiciada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade mantivo hoxe unha xuntanza co Concello de Vimianzo e a asociación Finisterrae de Profesionais do Desenvolvemento Local de Galicia (Afiprodel) na Casa Consistorial de Vimianzo. Nesta xuntanza na que participou unha representacicón do grupo Cerdeimar de Camariñas, constatouse as conexións e similitudes entre o pais Africano e a Costa da Morte e as oportunidades de intercambio e colaboración entre ámbolos dous territorios.

O alcalde de Vimianzo Manuel Antelo recibiu á delegación e compartiu co ministro e os responsables políticos de Guinea-Bissau o labor dos concellos no desenvolvemento local, dando a coñecer as características socioeconómicas do seu concello e as actuacións e realidade socioeconómica do seu territorio que comparte co país africano: a importancia do sector agrogandeiro, as inquedanzas sobre os problemas da emigración e os proxectos e intervencións dende o local para a posta en valor dos recursos endóxenos ademáis da facilidade para o intercambio e relación que proporciona o idioma galego nos países de fala portuguesa; o marco lexislativo do local en Galicia a necesidade do papel das administracións locais no desenvolvemento sostible dos concellos e a súa cidadanía. O alcalde agradeceu ao Fondo Galego de cooperación a oportunidade que ofrece este encontro para ámbolos dous territorios.

A xuntanza, coordinada pola axente de desenvolvemento local de Vimianzo e secretaria de Afiprodel, Rosa Sánchez, foi moi dinámica e participativa. A delegación de Guinea-Bissau expuxo as conclusións da súa visita por Galicia e expresou os puntos de interese para a conversa cos profesionais de desenvolvemento local de Afiprodel. O ministro destacou o seu compromiso e confirmación, refrendado coas visitas realizadas en Galicia, de artellar lexislativamente o marco necesario para un sistema competencial axeitado para empoderar o local e facilitar os necesarios procesos de desenvolvemento de abaixo arriba coa participación da cidadanía.

Dende Afiprodel Dolores Pena, a súa presidenta, ofreceu a experiencia desta entidade de profesionais de desenvolvemento local e comentouse o traballo realizado polos concellos da Costa da Morte e a importancia dos e das técnicas no ámbito do local e do desenvolvemento sostible. Rosa Sánchez e María Jiménez expuxeron o labor realizado nos concellos de Vimianzo e Camariñas nos ámbitos de emprendemento, emprego, desenvolvemento e dinamización dos recursos e potencialidades endóxenas de cada territorio. As boas prácticas realizadas en emprego e dinamización do tecido asociativo, sector artesanal e proxectos realizados de xeito conxunto entre diferentes concellos da Costa da Morte coa mocidade, o sector comercio, pesca-marisqueo ou turismo e a importancia da presenza e dinamización do tecido asociativo e empresarial. A intervención de Sofia Agrafojo salientou a labor da Deputación da Coruña na promoción económica e desenvolvemento, as súas liñas estratéxicas e a importancia da colaboración cos concellos e os profesionais destas administracións.

A empresa Cerdeimar de Camariñas ofreceu á delegación unha visión dende o mundo empresarial vinculado aos recursos pesqueiros e marisqueiros no territorio e salientou as potencialidades de Guinea-Bissau neste ámbito e as potencialidades de colaboración.

A delegación invitou aos concellos e Afiprodel a promover programas de intercambio técnicos e económicos entre os territorios que poden ser dende os sectores agrogandeiros, pesca-marisqueo, artesanía, turismo rural e divesificacións económicas baseadas nos potenciais endóxenos dos territorios. A cultura e idioma facilita esta conexión e Guinea-Bissau ten experiencias e oportunidades para compartir e Afiprodel e os concellos da Costa da Morte e de Galicia ten experiencias e capacitación técnica e profesional que son de interese para este país. Valorou a importancia de entidades asociativas como Afiprodel e a capacidade de traballar conxuntamente para o futuro de ámbolos dous territorios. Tamén falouse dos fondos leader e de pesca no territorio e a importancia de artellar estratexias conxuntas como se fai nos GDR e GALP da Costa da Morte.

Dende Afiprodel agradecese ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o seu traballo necesario e imprescindible e estima de gran interés que os concellos queran integrarse nesta entidade galega, que ofrece oportunidades de colaboración e desenvolvemento interterritoriais. Afiprodel ofreceuse a prestar os seus recursos técnicos e organizativos en prol dunha colaboración interterritorial que promove o desenvolvemento e intercambio entre países e territorios.