O Decreto-Lexislativo 1/2015 que refunde as disposicións legais de Galicia en materia de política industrial de Galicia da cobertura xurídica ás políticas de desenvolvemento local implantadas nos concellos galegos

O 9 de xullo vén de publicarse o Decreto Lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
Este decreto refunde a normativa galega sobre política industrial. E neste senso, reitera no seu artigo nº 53, tal e como facía a Lei 13/2011, cales son as competencias dos municipios neste ámbito.

Consonte o dito artigo os concellos poden desenvolver cantas actuacións consideren oportunas, con plena autonomía, para acadaren os obxectivos que marca a propia lei no artigo 48 (hai un erro no texto orixinal do decreto, xa que fai mención ao artigo 35). Entre eses obxectivos están, por exemplo, a execución das políticas industriais, o fomento das actividades industriais, a atención ás pemes, a procura da cohesión social e territorial, potenciar a formación empresarial e laboral, estimular e favorecer o autoemprego e o emprendemento empresarial, ou impulsar o aproveitamento positivo dos recursos endóxenos.
En conclusión, tanto a Lei 13/2011 como o DL 1/2015 veñen dar cobertura xurídica plena ás políticas de desenvolvemento local e promoción económica implantadas polos concellos, e poden ser empregados como argumento xurídico no caso de determinación das competencias municipais ou de defensa profesional do persoal técnico vinculado a estas tarefas.

Redacción Ignacio Fernandez. Xunta directiva de Afiprodel-Galicia

Enlace ao decreto http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150709/AnuncioCA04-180515-0004_gl.html