CONCLUSIÓNS do Congreso MODELO

Por Ricardo García Mira, portavoz do comité científico e co-organizador, en representación da UDC, do Congreso MODELO.

O I Congreso de Desenvolvemento MODELO conclúe con éxito de público e de participación, destacando a alta cualificación das presentacións e das discusións que tiveron lugar ao longo de catro días nas localidades de Vimianzo e Corcubión.

En primeiro lugar, cumpre amosar o agradecemento a todas e a todos os relatores que acudiron a esta convocatoria de xeito totalmente altruísta, o que pon de manifesto un importante grao de compromiso e voluntarismo ao servizo do desenvolvemento local froito do traballo cooperativo de institucións, ADLs, empresas, entidades, profesionais, asociacións, etcétera.

En segundo lugar, cabe destacar algúns aspectos importantes, a modo de resumo e conclusións, destas sesións de discusión e participación:

Os e as ADLs teñen unha función moi importante na promoción e posta en marcha do desenvolvemento: cambiar os marcos mentais de referencia, introducindo novas claves de actuación e presentando os novos contextos sociais e económicos onde ten que desenvolverse a adaptación de iniciativas e proxectos ao mercado global. O seu papel como motivadores e concienciadores dos distintos actores é absolutamente necesaria.

– Destaca a necesidade de manter unha rede estable entre as institucións e profesionais que interveñen no territorio. Esta rede permitiría optimizar mellor as estratexias de actuación.

– O congreso puxo de manifesto a existencia de alternativas innovadoras e viables diferentes do modelo económico produtivo actual. Os proxectos Slow-Food, Banca Ética, Axendas 21, Grupos de Consumo, Presupostos Participativos e outros presentados supoñen unha aposta firme por alternativas que promoven maior responsabilidade, reducen actitudes especulativas e, non menos importante, promoven a participación da cidadanía na toma de decisións, mellorando con elo a xestión dos cartos públicos e promovendo unha maior satisfacción e benestar.

A defensa e desenvolvemento dun territorio tamén inclúe a xestión responsable da paisaxe e do seu urbanismo.

As novas tecnoloxías son imprescindibles para promover o desenvolvemento e deben constituírse nas principias aliadas do medio rural. Neste senso, a súa defensa e o acceso á banda ancha, xunto coa formación neste ámbito, son aspectos prioritarios. E non só a formación, senón tamén a información. Neste senso, destaca a importancia das novas tecnoloxías en xeral, e dos sistemas de información xeográfica en particular, como ferramentas importantísimas de xestión da información sobre o territorio, de diagnóstico e de avaliación, necesarias para apoio na toma de decisións.

– É necesario votar unha ollada retrospectiva e aprender da historia pasada. Unha aposta para saír da crise é a agricultura: a diversificación produtiva, a pluriactividade, o establecemento de canais curtos de comercialización e implementación de novas tecnoloxías no sector.

– Púxose de manifesto a necesidade dunha estratexia común para investir e incrementar as relacións con países emerxentes economicamente (China, India, Brasil,..), que permita corrixir o carácter pouco estable, ou apenas inexistente, das relacións económicas de Galicia có exterior.

– En definitiva, a actuación futura dos e das ADLs debe promover a coordinación dos distintos axentes que interveñen no proceso de desenvolvemento, propoñendo a creación de espazos que xeren estratexias comúns de actuación e a de posta en marcha de novas actividades alá onde aparezan novas oportunidades. Para elo precísase da vontade das institucións, das entidades e das empresas para traballar en colaboración, para determinar obxectivos e metas comúns, que sen dúbida redundarán en beneficios comúns, que redundarán á súa vez en benestar para todos, en beneficios para o territorio, e no progreso de Galicia.

Ricardo García Mira, portavoz do comité científico e organizador, en representación da UDC, do Congreso MODELO.