REXEITAMENTO DE AFIPRODEL Á DESAPARICION DA AXENCIA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL DE CARNOTA

A Xunta Directiva de Afiprodel– Galicia (Asociación Finisterrae de Profesionais do desenvolvemento local), comunica a súa sorpresa e estupor ante a noticia aparecida nos medios de comunicación sobre os despidos de 6 traballadores do Concello de Carnota entre os que se atopan os dous técnicos de Emprego e desenvolvemento local, ambos os dous, membros fundadores e directivos desta asociación.

 Afiprodel mostra o seu malestar e desconformidade coa destrución de servizos públicos municipais en xeral, e especialmente nos concellos rurais e aínda máis cando afectan a un dos servizos de desenvolvemento local máis antigos de Galicia e da Costa da Morte.

 A axencia de desenvolvemento local de Carnota é un dos servizos pioneiros en Galicia e na Costa da Morte, conta cunha ampla e exitosa experiencia en proxectos e accións de promoción empresarial e económica, en asesoramento a emprendedores, tecido empresarial e asociativo, en formación ocupacional para desempregados e activos, colaboracións interadministrativas, na participación en proxectos europeos, amén da realización de actuacións de desenvolvemento de recursos endóxenos e sectores estratéxicos do concello ou de liderar exitosamente a cooperación entre sector privado e público no deseño e execución de proxectos estratéxicos.

É sorprendente que un dos servizos de desenvolvemento local modelos do territorio galego que ten realizado o seu valioso traballo durante máis de vinte anos e durante gobernos municipais de moi diferentes cores atope precisamente nunha decisión do equipo de goberno do BNG a peor ameaza para un servizo tan necesario e que conta con tan excelentes resultados. Aínda máis sorprendente cando este Concello asinou o manifesto en apoio aos servizos de desenvolvemento local que se presentou en Fisterra o ano pasado promovido por Afiprodel e asinado por todos os concellos da Costa da Morte.

 Esta decisión do goberno local de Carnota tomase ademais cunhas formas pouco respectuosas cos seus traballadores e traballadoras, realizándose os despedimentos en período vacacional dalgúns dos afectados ou con notificación da policía local e sen explicación previa, sen negociación previa coa representación legal dos traballadores, cos afectados e mesmo sen comunicación aos outros partidos políticos con representación no Pleno municipal

 Antes de tomar decisións deste calado débese necesariamente buscar alternativas e consensos que afecten o menos posible aos servizos á cidadanía e ao colectivo de traballadores e traballadoras locais que teñen desempeñado a súas función de xeito exemplar

 Dende Afiprodel esperamos que esta decisión sexa revisada e se valoren outras alternativas que manteña unha das axencias de desenvolvemento local de referencia en Galicia. Afiprodel garante o seu apoio profesional e técnico aos traballadores afectados membros desta asociación e tamén se ofrece para asesorar ao Concello de Carnota, se así o estima oportuno, na busca de alternativas para manter a axencia de desenvolvemento local deste concello.