In Memoriam – Susana Seoane

Con profunda dor comunicamos o falecemento da nosa compañeira e socia Susana Seoane, aos 55 anos de idade, tras catro anos de valente loita contra a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

Susana foi moito mais que unha socia de AFIPRODEL. Foi unha defensora incansable do colectivo de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local, unha compañeira que sempre estivo ao pé do canón, traballando desde o seu posto no Concello de Nigrán coa profesionalidade e o compromiso que a caracterizaban.

Nunca perdeu a súa esencia na loita coa enfermidade e mantivo o seu sentido do humor, a súa valentía e o seu espírito de loita ata o final. A súa fortaleza levouna a converterse en vicepresidenta da Asociación Galega de Enfermos de ELA (AGAELA), onde continuou a súa labor de servizo e representación do colectivo. O pasado ano recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia en representación desta entidade, un recoñecemento máis que merecido ao seu compromiso e dedicación.

O seu legado transcende o profesional. Susana ensínounos que a adversidade non ten por que dobregarnos, que a dignidade e a valentía son decisións que tomamos cada día, e que a loita polos demais sempre merece a pena.

Desde AFIPRODEL queremos expresar o noso máis sentido pésame á súa familia, amigos e compañeiros. Susana deixa un enorme baleiro entre nós, pero tamén un exemplo imborrable de coraxe, entrega e humanidade.

Descansa en paz, compañeira. A túa loita e o teu sorriso permanecerán sempre connosco.


Xunta Directiva de AFIPRODEL