Afiprodel propón un modelo de convenio entre Deputacións e Concellos para cofinanciar os servizos municipais de desenvolvemento local

A principios deste mes do outubro saiu publicada no DOG a Orde que regula as subvencións á contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local nos concellos (DOG núm. 188, do 02/10/2012).

Desde Afiprodel celebramos que esta convocatoria se fixera, porque permite a continuidade destes servizos que consideramos transcendentes no momento económico que vivimos. Sen embargo, recoñecemos que para moitas entidades locais é un problema solucionar a cofinanciación dos seus custos e tamén superar as barreiras á contratación derivadas do RDL 20/2012. Os Concellos galegos teñen interese e apoian a continuidade destes servizos e así o fixeron constar nas sinaturas no “Manifesto de apoio aos servizos de emprego e desenvolvemento local” promovido por Afiprodel o pasado verán e tamén agora apostan polos acordos para cofinanciamento entre as diferentes administracións que axuden na situación actual de crise ao mantemento dos servizos á cidadanía e especialmente os dirixidos ao tecido económico, empresarial e emprendemento dos concellos rurais.

Por este motivo desde esta asociación temos realizado nestas semanas unhas actuacións de apoio aos profesionais de desenvolvemento local de Galicia. As actuacións desenvolvidas nesta semana foron:

–       Elaboración e presentación dunha proposta  de Convenio entre Concellos e Deputación da Coruña para cofinanciamento dos servizos municipais de desenvolvemento local. Estando en espera de concertar unha entrevista co presidente

–       Envío destas propostas aos deputados e deputadas provincias da Coruña e aos grupos politicos representados na cámara provincial.

–       Envío de cartas e correos informativos aos alcaldes e alcaldesas de todo o territorio Galego para informar sobre a necesidade destes servizos nos concellos rurais, a proposta de Convenio coas Deputacións e as posibilidades de cofinanciamento dos custes salariais dos profesionais que realizan este servizo.

–       Nestes días estase á espera de remitir ás Deputacions de Lugo, Ourense e Pontevedra as propostas de Convenio Deputación-Concellos similar á remitida á Deputación da Coruña

Afiprodel defende a continuidade dos servizos de desenvolvemento local dos concellos, máis nestes momentos de crise. Galicia é eminentemente rural polo que o papel económico dos territorios que a integran debe contar cun apoio técnico específico, que impulse a innovación, estimule a aparición de actividades económicas, poña en valor os recursos endóxenos, apoie aos recursos humanos e, en definitiva, impulse o desenvolvemento integral. E son os profesionais de desenvolvemento local os técnicos que están a traballar nestes territorios e realizando estas tarefas imprescindibles para non deixar sen futuro os territorios rurais galegos.

Deja un comentario