General

Comunicado de AFIPRODEL en defensa da loita contra a violencia de xénero e a protección dos e das profesionais implicadas nela

Certo é que a violencia de xénero chega a todas partes e na loita que debemos manter contra ela no día a día, ás veces, os nosos postos de traballo convértense en campo de batalla. Así lle está pasando á nosa compañeira, a técnica de Desenvolvemento Local do Concello de Ponteareas (Pontevedra), ameazada por outro traballador da súa entidade.

A nosa compañeira, persoa de referencia para as mulleres vítimas de violencia de xénero contratadas polo seu concello, preocupouse de que se cumprira unha orde de afastamento. E iso desencadeou uns feitos polos que tivo que presentar denuncia.

Non son actos banais. A violencia contra a muller dana os piares dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais. Por iso, desde esta asociación de profesionais de desenvolvemento local (AFIPRODEL) queremos manifestar o noso apoio á compañeira afectada e reclamar do Concello de Ponteareas e de todas as persoas e entidades que poidan ter responsabilidades directas ou indirectas nos feitos acaecidos que actúen en consecuencia e que non sexan as vítimas as que teñan que sufrir máis no proceso de defensa dos seus dereitos e da súa integridade física e psicolóxica.

Defendemos que os empregados públicos poidamos exercer as funcións sen poñer en risco a nosa seguridade e que estea protexida a loita contra a violencia de xénero nos nosos postos de traballo.