Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026. Unha delegación de AFIPRODEL acudiu os pasados 20 e 21 de maio ao primeiro evento presencial do proxecto ACE (Actions for a Circular Society through Education), celebrado na cidade alemá de Frankfurt.
Trátase dun ambicioso proxecto europeo de dous anos financiado polo programa Erasmus+ e conformado por catro socios: o IfLS (Institut für Ländliche Strukturforschung e.V.) de Alemaña (coordinador), SWIDEAS AB (Suecia), a Fundacja Wspierania Wiezi Lokalnych “Linking Foundation” (Polonia) e a xa mencionada AFIPRODEL (Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia).
Cun presuposto de 250.000€, os principais obxectivos do proxecto versan sobre o apoio á transición cara a unha sociedade circular mediante a capacitación de persoas adultas, comunidades e organizacións con coñecementos, habilidades e ferramentas para adoptar prácticas circulares. O proxecto introduce e explica os principios da sociedade circular, informa aos axentes implicados sobre os seus beneficios e fomenta a participación a través de boas prácticas.
Nel, desenvolveranse ferramentas e métodos de aprendizaxe de carácter teórico e práctico, destacando a creación de Recursos Educativos Abertos en liña (OER) accesibles, guías e modelos de implementación dos principios circulares na sociedade, a celebración de obradoiros e eventos presenciais para a transferencia de coñecemento e capacitación, o intercambio de boas prácticas, etc.
As representantes de AFIPRODEL para este evento foron:
- María Dolores Pena Pena, Presidenta e técnica de desenvolvemento local en Carnota
- Sofía Agrafojo Rey, Vicesecretaria e técnica da Deputación da Coruña
- Roxana Topciov, experta en proxectos europeos e membro de AFIPRODEL
Máis aló de coordinar e planificar cos outros socios as acción a realizar durante o proxecto ACE, tiveron a oportunidade de presentar exemplos de boas prácticas de sociedade circular sobre o territorio galego, así como coñecer de primeira man as prácticas levadas a cabo nos outros países do proxecto. Ademais, está previsto que a terceira xuntanza presencial de ACE se celebre en Galicia durante xuño de 2027, polo que será unha gran oportunidade para achegar a sociedade galega ás prácticas e experiencias do centro e norte de Europa e viceversa.


