A REDE DE AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL CONTARÁ CUN COMITÉ PARITARIO E UN COORDINADOR TÉCNICO NOMEADO POLA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA DA XUNTA DE GALICIA

Covadonga Toca, secretaria xeral de emprego e o subdirector xeral de emprego Juan Jose Lirón Lago na xuntanza con representantes da Xunta Directiva de Afiprodel-Galicia anunciaron a creación dun Comité Técnico paritario e o próximo nomeamento dun Coordinador para a rede de axentes de emprego e desenvolvemento local de Galicia.

Con esta configuración iníciase por parte da Consellería un sistema estable e participativo de coordinación da rede de profesionais composta por máis de 239 profesionais que traballan nos concellos e entidades locais de Galicia.

Afiprodel trasladou as propostas sobre a coordinación da rede dos axentes de emprego e desenvolvemento local e amosaron a súa satisfacción pola resposta da Consellería a unha das grandes demandas destes profesionais e que mellorará a calidade e eficiencia destes servizos locais cofinanciados pola Xunta de Galicia.

O Comité Técnico Paritario composto por axentes de emprego e desenvolvemento local da rede galega e representantes da Consellería tería como finalidade incrementar a calidade e eficiencias dos programas e actuacións realizadas pola rede, mediante a colaboración e a cooperación para acadar un desenvolvemento intelixente, sostible e integrador propiciando a creación de emprego, a xeración de iniciativas empresariais e novas actividades xeradoras de emprego de Galicia.

Nas próximas semanas constituirase este Comité con cinco representantes dos AEDL de Galicia e cinco da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A rede Galega tamén contará cun coordinador xeral que será nomeado nas próximas semanas.